-- Fuá! Sempre o mesmo! Sempre me toca a min!
Esta era a cantinela que pregoaba Lolo cada día cando, ó caer
a noitiña lle tocaba sair da casa para ires pechar a porta do garaxe. E non era
por nada. As queixas comezaron unha tarde de finais de novembro. Eran arredor
das 8 da tarde, nesas datas noite pecha xa, e Lolo, coma todalas tardes saiu
pechar o gran portón de ferro e chapa que protexía do vento, da xeada e da
choiva o tractor, as alpacas de herba seca e maila leña. Aquel día anunciaran
no parte que, chover non ía chover, pero viña unha vaga de frío polar e que ía
aventar “de lo lindo”.
Lolo, como adoitaba facer, puxo a bata e mailas zocas e saliu
paseniño cara ó garaxe, que estaba tal como se saía da casa, á esquerda, a uns
15 metros da porta. Unha casa de labranza de máis de 100 anos que non se
conservaba nada mal. Ese día non se oían mais que as copas dos “alcolitros”,
como decía a avoa, moverse tolas có vento. A casa de Lolo estaba situada no
fondo dun val, no Lugar de Vellamorta, pertencente á parroquia de Monte, concello
de San Sadurniño.
Un lugar tan bonito como inhóspito. Non eran mais que tres
familias no lugar e as casas distaban unhas das outras aredor de un kilómetro,
ou kilómetro e medio. Lolo nunca o medira. O caso e que, aquel serán Xosé o da
Tesa, andivera a recolle-los años e mais as ovellas cedo, porque disque en
noites así, andaba o lobo con fame e que non fora se-lo demo… Lolo non vira
nunca o lobo, e máis, dudaba de que no lugar existisen…
O portón tiña dúas follas, unha delas, a da esquerda, amarraba
ó teito e ó chan con dous pechos de ferro. Lolo estaba rematando de pasa-lo
pecho de abaixo cando, polo rabiño do ollo dereito veu unha sombra, como a uns 15
ou 20 metros. Tentou autoconvencerse de que so fora froito da súa imaxinación,
pero cando se incorporou para dirixirse a quitarlle o cepo á folla da dereita
para pechala, fronte a el a noite volveuse mover e dúas luces minúsculas campaneaban
de lado a lado e por veces desaparecían e voltaban aparecer, coma se dun par de
candeas se tratase. Se non fora porque a sombra se movía a escasos 20 metros
del, diría que as candeas eran Pepe de Sindo e mais o fillo de Xosé o da Tesa,
que viñan da do Coval un tanto peneques e cós candís acesos nas mans. De súpeto
enmudeceu o vento e Lolo puido escoitar o que parecía a respiración dun animal
grande diante del. Nese momento, sinteu medo. Era sabido por todo-los vecinos,
que a Lolo, dende que lle morderá o can de Sindo, non lle chistaban moito os
cans. Pero por máis que quixera autoenganarse, algo lle decía a Lolo que aquilo
nen sequera era un can. Demasiado lento respiraba para ser un can. Asustado e
sen darlle a espalda á sombra na que os lumieiros agora estaban quedos e fixos nel, rematou de pechá la porta e unha
vez rematou, nun alarde de valentía, berrou “Pasaaa”.
Nada. So un leve movemento das luces cara abaixo á esquerda e
volta ó frente. Lolo berrou por seu pai, para ver se cun tiro da de cartuchos,
liscaba. Ninguén respostou. Agora lembraba que seu pai, estaba na corte
ordeñando as vacas e a súa nai, na ducha axudando á avoa. Agachouse e colleu
unha pedra do camiño, alzando a man, guindoulla á sombra e de súpeto, oiu o
raspar dunhas uñas como de can na area do camiño, como bulindo de alí. As luces
apareceron de novo, pero mais lonxe, no medio do prado no que seu pai votaba a
pacer as vacas. Envalentonado, pero con tódolos pelos do corpo de punta, Lolo
voltou coller unha pedra e guindoulla de novo á sombra agora so recoñecible
polas duas luces. ¿Atináralle?
- O demo me abatane se iso non houbo ser o meu
primeiro lobo – Pensou Lolo, e entrou na casa branco como unha candea.
(CONTINUARÁ)
collina emprestada da páxina http://elcielodefobos.blogspot.com.es/ |
No hay comentarios:
Publicar un comentario