¡Mi ma! Xa pasaron por aquí...

martes, 8 de septiembre de 2015

POIS ESTACHE BOA A CHANFAINA…


¿Qué fago eu aquí? ¿Quen me mandaría a min meterme neste fregado? Inda es burro, xa tiñas pouco tempo libre e méteste nisto. Inda es pampón.

Estes son algún dos pensamentos que me asaltaban na mañá deste pasado Sábado, mentres desaiunaba algo no café DZINE, entre leves ramalazos de fachenda e ilusión… Alí xa estaban preparando todo para o que ía ser a proxección de traballos previos e presentación dos
participantes no certame deste ano, o que os organizadores deron en chamar “Eira de Cineastas”. A mañá presentábase fresca. Inda que os herdeiros de “Pemán”, no seu parte do venres, dixeron que ía facer bo tempo para toda  a fin de semana.
Como xa comentei, comecei a mañá cunha ruta en moto de Freixeiro (Narón) ata San Sadurniño. (Por tema de renovacións no “cuartel xeral” de “Vivo na Lobeira”, teño que estar vivindo nun piso ata nova orde… e que pouco me gusta). Tomei un desaiuniño lixeiro no DZINE, e como fago dende que casei coa miña “guionista”, baixei ata a casa da cultura con marxe de tempo suficiente. Pegóuseme dela isto de non chegar tarde ós sitios. Poderíamos falar de “puntualidade lobeiresa”. Alí atopo a Sandra Sánchez, a rapaza que ía grabar en Vellamorta, xusto ó lado da Lobeira(directora do documental “Tralas luces”, e disque quere saber como se vive na Lobeira, pois cando queiras, pegas un telefonazo, poño a cafetera e saco unhas "Reglero"), que foi a primeira en chegar, así o fixemos constar cando apareceron os cociñeiros do Chanfaina Lab’ 15 (Manolo e Carmen), Antonio Caeiro e a súa muller Margarita Teijeiro (o que me rín comendo con eles o Sábado e o Domingo, so o sabemos nos, que grandes son os “donos” de O faiado da memoria), Angel Rueda e Ana Dominguez, Alberte Branco (ao que lle pasou o que a min tantas veces, deixou as gafas de sol na casa, ¿entendes agora por qué levo dous pares, Alberte?), Giselle Llanio (que o domingo cando me ía me deixou de pedra, para o vindeiro Chanfaina Lab), Carlos A.Quirós (despois descubriría que del era a curta “Ferrol Mola”, un dos viráis que máis me gustou ata estes días, pola súa crítica áceda e mega-irónica), Alvaro Gago (creador de “Skin”, “Lipstick” ou máis recentemente “Curricán”, esta última gustoume moito), Eloy Enciso (creador, entre outras, de "Arraianos" e quen me deu unha chave para obter bo son para a miña peza), Miguel Mariño, NataliaPorca, Mar García, Xiana Gómez, Susana Rey (non lle gustaban os militares e conocémonos, <guiño>), aos rapaces de Conciencia TV: Miguel Sanjurjo, David Anca e Patricia Lamas (creadores do fabuloso e crítico "Así va el país..." ), Diana Toucedo, Gonzalo Veloso (estivo malo pero ao final, os aires curativos de San Sadurniño voltárono traer connosco), Lucía Vilela e ao fin lle puxen cara ao fantástico Gabriel Tizón (http://gabrieltizon.com/) (tes dous amigos na Lobeira e deboche unhas cañas, e punto). 

A miña cara por momentos era un calco da do WhatsApp (o.O "ojiplático"). A metade das caras non as asociaba cós nomes, pero estaba rodeado de xente que fai cine de verdade, a nivel profesional, con material profesional, e eran, como logo diría o noso alcalde na benvida: “xente normal”, e eu engado: “e boa xente”. Diciame a min mesmo: ti calado, Fran, calado… que pa meter a zoca e chamarlle a algún polo nome doutro non che fai falta nada… (un que se queda un montón coas caras pero e nefasto para os nomes).


A nivel local, a Sabela, a nosa concelleira de Cultura, xa a coñecía de coincidir tomandolle algún que outro café durante o verán, mentres arranxábamos o país. Pero ese día coñecín ó gran Roberto Bouza (artista local, flípame o que fai este home coa animación 3D) o cal me ensinou dous camiños para ir á Serra do Forgoselo (¡cousa bonita esta que temos no concello, chico!). Tamén coñecín ó que se podería nomear como o “Primeiro Videocartógrafo da parroquia de Igrexafeita”, o fabuloso e único Abel Vega (en breve tentarei videocartografiar para el a Parroquia de Santa Mariña, que disque non a conoce ben) e tamén a Ari López, unha das responsables de Ferrol360.(Mil millóns de desculpas se e que alguén se me escapou, nada mais lonxe da miña intención que esquecerme, a cousa feita, de ninguén)


En definitiva, coñecín moita xente. Iso gustoume moito. Todo era novo. Tan novo que había unhas bolsas con material preparadas para nós, e coa flipadura que levaba encima non collín a miña. (Problemas do directo, gardádemo que o venres que ven á mañá paso a por ela). Logo subimos ao torreón da casa do concello. Ahí vou ter que pedir permiso para voltar un día de feira ou mercado xusto.


Con algo de pereza debido á comida no Muiño do Pepe, consitente en fiambres variados e o meu prato preferido, CHURRASCO DE PORCO, a tarde do sábado, non foi menos intensa. Frustrado pola carencia de nubes (que razón tiña Antonio Caeiro cando me fixo o apunte de que sen nubes a técnica do time-lapse ía quedar algo coxa) decidín subir de novo ó Forgoselo i explorar por alí. Non “gravei” nada, xa que Alvaro Gago dixera que ía gravar un Curro abandoado (ou algo lle comentara Manolo)… atopeino, e por andar facendo o cabra, case me despeño dentro del (había dar gusto, ¿canto tardarían en atoparme se fino alí? A saber…) Tentei efectuar unha proba de grabación de son, outro fiasco. Có vento que viña, case sae voando o ordenador portátil e a merda de micro que fabriquei, o cal na casa funcionaba perfectamente (que quede claro isto, e agora non vai ben) esta semana toca revisión técnica. Pincheime enteiro nunha toxeira, case caio da moto coa gravilla... Vamos, que menos mal que son optimista, que ven outro e no meu sitio "jódese"...

Tras unha opípara cea consistente en raxo con patacas e pastelón do Inxerto no Ferrador, tocou a xa citada Eira de Cineastas… A esa altura do Chanfaina Lab 2015 foi onde a miña extraña ordeación cerebral, tivo a ben, asociarlle a cada cara o nome que lle correspondía. A miña cabeciña vai así, ao seu ritmo. Tampouco vos creades que durou moito a asociación. Máis tarde, cando marchaba dalí xa comezava a ter lagunas de novo. Tiven que sair a explicar por qué non tiña peza para presentar (espero que a miña versión vos convencera). Manolo, sen problema, non teño dúbida por falar en público, como se hay que falar diante dun campo de futbol cheo. Despois da "Eira" inda fun á capela da Esperanza e máis ao pe do cemiterio de Santa Mariña, a iso das dúas e media da noite, a facer unha breve proba para logo tirarlle con xeito á miña curta. (na Esperanza non puiden facer nada porque había unha farola acesa).

O domingo, cunha leve dor de riles (a moto malla e o sábado fixen uns 200 km así ao tonto), arranquei a un par de localizacións que descubrira o sábado pola mañá con Roberto Bouza, a grabar audio principalmente, e a comezar tomas para outra idea das dúas a maiores que se me ocorreron e me estou propoñendo levar a cabo. (recordobos que a miña caprichosa organización neuronal, provoca que teña unhas 24 ideas por segundo ou máis). E inda agora mentres poño isto estánseme ocurrindo posibilidades, isto e un non parar. Digo eu que ten que haber algún tipo de tratamento para as miñas neuronas hiperactivas. ¿Por qué non será igual de activo o meu metabolismo? Non se pode ter todo… Chegado o mediodía, e tras tomar un pouco de son e video en Igrexafeita, descubrín o retablo no que se inspiraron para o cartel deste ano, que data nada máis e nada menos do Século XV (qué vergoña telo tan preto da casa e non saber del), para a continuación degustar, por fin, a famosa chanfaina, que por haches ou por bes, todavía, dende o tempo que levo vivindo neste estupendo concello, non probara. Eche o que ten vivir na “primeira línea de praia do concello”.

So me queda dicir a tod@s, GRACIAS por este magnífico, grandioso, enriquecedor, estupendo, excelso, diferente, flipante, ¡¡fabulomenal!! fin de seman que veño de pasar con toda esta boa xente, grandes do panorama cinematográfico da nosa terra… e como non dicilo, cós grandes do cinema do noso concello e da nosa comarca.

E si, a Chanfaina estábache boa.


Un avance dunha proba de encuadre
Agora a cociñar ata xaneiro algo suculento para vos agasallar.

Continuará…

2 comentarios:

Ana vic dijo...

Wow! Da gusto lerte :-), seguro que dará igual de gusto ver o resultado das voltas que che dan as neuronas! ;-)

anton dijo...

Ánimo Fran, as cousas cando non saen a primeira poden sair a quincuagésimoquinta. Só é cuestión de insistir.
Eu metinme no medio dun campo de millo na aldea da Laxe da parroquia de Lamas para gravar son e, gracias as rachas de vento que viñan que facían mais ruido que sondo, quedeime coas ganas.
Esperamos verte alá polo xaneiro.