¡Mi ma! Xa pasaron por aquí...

martes, 17 de mayo de 2011

LOIS PEREIRO, LETRAS GALEGAS 2011

Hoxe adícaselle o día a Lois Pereiro (1958-1996). Esta biografía non é miña, claro, saqueina da páxina www.prazadasletras.org.





"Lois Pereiro nace en Monforte en 1958. Realiza estudos de tradución en Madrid, cidade á que marcharía co seu irmán Xosé Manuel con só dezasete anos. Alí mantense economicamente vertendo ao castelán filmes e series para a televisión.

Pero en Madrid vai estar vencellado, por amizade e por proxectos comúns, ao grupo que formaba con Manolo Rivas, Antón Patiño ou Xavier Seoane. Co esforzo de todos, naceron as publicacións de pulo innovador, e agora xa míticas, Loia ou Luces de Galiza.

Porén, os riscos asumidos na vida madrileña de principios dos oitenta fixeron que Lois determinase o seu regreso á Coruña, onde se manteñen os nexos con aqueles que constituían o grupo de Madrid, e, de novo aquí, vivirá fundamentalmente do xornalismo. Iso si, no eido poético participa na publicación colectiva De amor e desamor e integrarase, durante 1984 e 1985, no colectivo de mesmo nome. Este feito permite que o público comece a coñecer a súa obra e a valore con compracencia.

Gaña o Concurso Nacional de Poesía O Facho: todas as súas creacións poéticas, espalladas en antoloxías ou publicacións colectivas, reúnense en Poemas. 1981/1991, en 1992. O seu primeiro libro publicado reflicte xa unha tendencia etiquetada como punk, moi presente na súa vida. As razóns para esta clasificación son, a saber, unha actitude certamente existencialista, de sarcasmo esmagador e corrosivo, un xogo de chiscadelas á autodestrución e á morte. No entanto, as súas influencias semellan ben sofisticadas. Prioritariamente chéganlle do centro de Europa, do expresionismo austro-alemán, de Thomas Bernhard, Peter Handke ou de Carver. Pero non hai que esquecer que Valente é referente fundamental nos seus primeiros pasos: ao seu abeiro nace como poeta.

En 1995 aparece a Poesía última de amor e enfermidade. Con só dous libros publicados xa define un estilo literario curto e tenso, cualificado como de economía expresiva: non se excede en recursos formais, emprega abundantemente o establecemento dicotómico de realidades elementais (amor/desamor, vida/morte). Neste derradeiro libro, en vida, de Lois, que foi reeditado nos últimos tempos, atópase un novo xeito de entender a existencia: para aprehendela en profundidade é necesario ter conciencia da morte. Isto pode ter unha interpretación vitalista que encaixaría coa ríxida etiqueta de poeta maldito, ao entender que esta postura fronte á vida nace da súa propia experiencia, que se mergulla na liña que a separa da morte.

Lois Pereiro morre pouco despois, en 1996. Nese ano do seu finamento, o seu irmán, Xosé Manuel, fai que saia á luz Poemas para unha Loia, constituído a partir de composicións da época madrileña, xa publicadas naquela revista Loia, e dun ensaio: "Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia". Nel expón moitas das súas ideas e conviccións sociais e políticas, ofrecendo unha panorámica que inclúe unha chea de referencias directas a escritores, filósofos ou políticos dos que bebe.

Ademais, deixou oito capítulos dunha novela inacabada, Náufragos do paradiso,publicados naquela revista que fora dirixida por Manolo Rivas, Luces de Galiza.

Pero Lois Pereiro tamén lle puxera letras ás melodías do grupo punk Radio Océano, que o seu irmán lideraba. Porque o esforzo de Lois estivo canalizado cara á contracultura, na que militaba con vehemencia. E así, as súas verbas tamén se debuxan en fancines ou en escollidos guións.

Esta condición de outsider provoca a reticencia dos académicos á hora de dedicarlle o Día das Letras Galegas, pasados xa máis de dez anos da súa morte, a pesar de que a súa obra é cada vez máis valorada polos lectores e máis considerada pola crítica."


El dixó nunha entrevista: 

"O que escribo está ahí, non hai nada detras". Eu, humilde blogueiro, suscribo esta frase e fágoa todo o miña que me é posible

A imaxe saqueina do blog
 Supercurritos.

2 comentarios:

Adycto dijo...

por certo, Lois tamén fixo de tradutor para a serie Dallas na TVG e inclusive traduciu algunha peli porno...e non e coña!! ademais de crear hai que comer!!!

Frantxu dijo...

Si, o certo é que a actual non é a única crise que se dou na Historia moderna do noso País, ¿non?